Jastas Cinta Programa 12

O Jastas Cinta despídese ata novo aviso. O duodécimo programa pon punto e final á primeira tempada do programa de hip hop d’A Kalimera. E qué mellor forma de despedirse que cun dos máis grandes desta cultura en Galiza, García Mc, membro da Dios Ke Te Crew e agora tamén en solitario con ese ‘Abaixo e de pé’ publicado a comezos de 2013. Co “irmán García” mantemos unha longa conversa na que repasamos a súa relación co movemento zapatista e as súas viaxes por México, amósanos unha pequena mostra do rap “de maíz” que se fai nas terras maias, a súa visión da cultura hip hop coma unha ferramenta de transformación social, a súa faceta coma difusor desta cultura polos colexios e institutos do país ou mesmo a relación do seu grupo co antigo mánager da DKTC, o mesmísimo Bárcenas.

Por outra banda, no apartado ‘underground’, catro grupos de Compostela (Josu Cruces, Tramaturgia, Olímpicos, Pura Mestura) e o novo duns vellos coñecidos do programa, Rebeliom do Inframundo, para deixar claro ata o último minuto que nesta terra hai moito e moi bo rap. Un programón, en duración e calidade (si, xa sabemos que está mal que o digamos nós, pero había que aproveitar o último para botarse unhas flores, non?), sen desperdicio ata o final, xa que García Mc  remestura en clave reggae un clasicazo do hip hop galego, o ‘Estranxeiros’ dos Ghamberros que cumpre dez anos neste 2014, e que serve para poñer  o broche de ouro a esta primeira aventura do Jastas Cinta.

1604777_702691219770724_513578175_n
Descarga ou escoita aquí:

PD: Moi atentos que nos vindeiros días anunciaremos unha inminente cita co hip hop e o Jastas Cinta en Compostela. Ollo!