Category: Xoubas

Xoubas 3-17

Para descargar en formato ogg clicade acá

Para descargar en mp3 clicade acolá

Benvidos a unha nova edición de Xoubas. Neste programa temos connosco ao esquizofrénico grupo El Sandwich de Luis, tocando en exclusivo directo o seu último éxito “El Manuscrito de Calisto”, oda que versa sobre as aventuras do desaparecido Códice; traemos un spin-off do auténtico western de (que en pez descanse) Conde Roa; incursións á caverna mediática-sonora; facemos un repaso dos importantísimos problemas do primeiro mundo; voltan os deportes, coa trepidante e lisérxica “Carreira da droga”, deporte favorito do ex-alcalde; a serie Percorrendo Galiza lévanos ata as baldías terras de “La Coru”; e, coma sempre, informativos desinformados, música, e churriguerescos tintes bizarros a esgalla. O mineralismo vai chegar!

 



Xoubas 3-16

Descarrega en ogg acá

Ou en mp3 acolá

Velaiquí o episodio 3-16 de Xoubas, o programa máis hertziano das ondas surreais… ou algo así. Nesta edición, inauguramos a sección “Momentos Cítricos da Historia”, na que repasamos puntos de inflexión no imparable devir humano, asistindo esta semana á verdadeira invención da escritura; asistimos ao xuízo contra Henrique Cacique, o típico caso que queda entre colegas; a radionovela “Paixón de Populares”, de enorme éxito en ducias de diputacións, relátanos a apaixonada historia de amor entre Alberto Ruiz e Sorayita; traemos publicidade con máis metal ca as barricadas de Vigo; haberá bizarradas, da man do excelso rapsodo de Madrí “El Coleta” e dun activista contra o racismo intergaláctico; e, coma sempre, o noso exhaustivo e nocivo informativo, un delicioso aperitivo. Desfrutade!



Xoubas 3-15

Clica acá para descarrega en ogg

Clica acolá para descarrega en mp3

ATENCIÓN: REFRITO! Neste episodio tiramos do aprendido nos chiringuitos de praia para poñervos documentos sonoros xoubescos xa emitidos antes, recompilados con exquisito gusto por parte da equipa de Xoubas. Un refrito rebosante de graxas animais, vexetais e sintéticas, no que descubriredes pezas elaboradas para o programa dende que comezase a nosa andaina aló polo ano 2010 (pero non por iso menos comestibles nin chupilicioso). Vamos, un “Xoubas Unplugged”, que lle din. Bo proveito!

 



Xoubas 3-14

Descarga en formato ogg

Descarga en formato mp3

Xa ante vós o décimo cuarto episodio da tempada da xouba, sabroso e apto para veganos (as nosas xoubas están fabricadas íntegramente de celulosa e materia gris psilocíbica). Neste antinatural capítulo, analizamos unha carta para nada proselitista enviada polo goberno a todos os pensionistas do país para comunicarlles un aumento de 5 eurísimos; en “Mileurismo: que utopía” entrevistamos a dous emprendedores do terrorismo profesional, un eido de futuro; no espazo informativo emitimos o ameazador e amarelo comunicado dos ciberactivistas Bananonymous; o rincón literario déixanos unha apaixonada declaración de amor aceitosamente pegañenta; o espazo bandadeseñadesco acolle aos mellores polit-superherois a este lado da Atmosfera; decisións cricualísimas e bizarro, bizarro, bizarro, […] e bizarro.

 



Xoubas 3-13

Descarrega en ogg

Descarrega en mp3

Velaí o décimo terceiro episodio de Xoubas, no que tomamos un cambio de rumbo na nosa andaina submarina: decidimos deixar a un lado as nosas seccións habituais para dar renda solta ao auténtico espírito dadá-rafaeliano de Xoubas, é dicir, un formato máis coherente e coheso, conseguido tras deixar de lado toda coherencia e cohesión. Nesta viaxe cuasilisérxica veredes odas aos lactofermentos, exequias antifunerarias con alto contido en bilis, serpes sen aparente razón de ser, andainas do sultán Qaboos, espazo-tempo informativo, decisións tan cruciais como cable vermello – cable azul para daltónicos e gorras de pintxos. Bizarro proveito!

Ademais cabe informar que tambén cambiamos o noso horario de emisión en directo, que pasa a ser o mesmo día, luns, pero às 23 horas en troques das 20 h na que estabamos emitindo ata agora.

 



Xoubas 3-12

Para descargar en ogg clicade acá

Para descargar en mp3 acolá

“Requiescat in pace”, que din por aí. Nós preferimos desexarlle un baño en Palomares para toda a eternidade, e a ser posible que sexa pechado nun cofre antinuclear. Como non, falamos de Don Manuel, Manoliño, o extinto Fragasaurio. Nesta edición de xoubas adicámoslle unha emotiva dedicatoria e máis dunha ofensa directa, ademais de brindarmos polo seu imprevisible pasamento. Deixando de lado (e embaixo) a este heroe do franquis… da transición, temos unha chea de material sonoro: en Percorrendo Galicia contemplaremos a peculiar flora e fauna das Festas de San Teodosio de Porzomillos; aprenderemos a construír a nosa propia Cidade da Cultura no programa especial de Bricobsesión; os deportes nos traen o ‘XXI Torneo Interestelar de Pelota Vasca Bomba’ (‘Galatziarrak Pum Euskalpilota ‘); e, coma sempre, deforme información, crónicas do Universo Bizarro e música ska para bailar no cemiterio!

 



Xoubas 3-11

Descarga en ogg

Descarga en mp3

Xoubas, e máis xoubas! Neste undécimo episodio, primeiro de 2012, último ano do planeta Terra, abrimos cunha desculpa oficial a todos aqueles aos que puidemos ofender na nosa frecuencia (que non che son poucos, oes); facemos un balance do que foi o ano 2011, unha volta arredor do Sol que ben podería ter pasado inadvertida; celebramos con carácter premonitorio o aínda non consumado pasamento de Don Manuel; tralo noso espazo anti-informativo, os deportes nos trae a Liga Gatuna de Telequinesia Felina, que vos fará rosmar e frotar os bigotiños contra todo mobiliario; Percorrendo Galicia nos achegará á peculiar fauna e flora de Santiago de Compostela, cos seus Turistis Alemanis e Funcionarius Xunteii; e coma sempre, moita e negra música e, de regalo, berimbao drum and bass! A papar!

 



Xoubas 3-10

Descargar en ogg

Descargar en mp3

Nesta décima edición de xoubas, última de 2011, abrimos cun espectacular e luminescente Regreso ao Pasado político grazas ao executivo popular; analizamos o peculiar ecosistema dos bares, tabernas e tascas galegos; bizarrearemos ante sons vampiro-cheguevarescos; retransmitiremos en rigoroso branqueo o 15º Torneo Interoceánico Costa Brava S.A. de Corrupción Política; traemos un zapping neuroléptico e antihistamínico; o sultán Qaboos cóntanos unha mesoasiática historia de amor bestialista e guerra; plantexamos dez posibilidades que se poden dar ante unha sobredose etílica; e, coma sempre, moita información verdadeiramente falsa, música africano-primeiromundista e cousas bizarras a cachón. Xoubas.

 

 



Xoubas 3-9

Descarregar en ogg

Descarregar en mp3

Ei, rapazada! Xa está aquí a novena edición da terceira tempada de Xoubas, un episodio tan fresco que xa ten un mes de antigüidade. Como aperitivo traemos unha radionovela detectivesca ao máis puro estilo inglés, chea de tensión, mentiras e té; de primeiro prato temos rica información de última hora acompañada dos deportes, aderezados coa disciplina profesional máis practicada polo executivo compostelán: a “Caza de Hippies na Zona Vella”; como entremés, “Percorrendo Galicia” nos leva ata esa descoñecida masa azul que hai máis aló de Noia: o mar; de segundo prato, o Sultán Qaboos deléitanos con outro episodio dos seus contos ben bañado en exquisito ouro negro; e como colofón, a emisión en exclusiva de “Vello Verde Busca Ameixas”, coa colaboración especial do showman Medio Juan. E todo ben regado cun Funkdeorras colleita do 81. Que vos aproveite!

 



Xoubas 3 – 8

Descarga en ogg

Descarga en mp3

Que mellor xeito de comezar o ano que Xoubas! Nesta oitava edición da terceira tempada, do 5 de decembro, comezamos a palpar o Nadal coa Competición de Espírito Navideño; inauguramos a nosa sección de historia da nosa amada patria, a Nova España con H, co relato dos feitos reais do afundimento do Prestige, obra do malvado Rub-al-kaaba; escoitaredes o verídico testemuño dun apóstolo negro; deleitarémosvos no noso rincón literario cunha oda ao noso amado Conde-Alcalde; o Sultán Qaboos vén coma sempre cargado de contos para pequenos e maiores; ensinámosvos dez formas de ser un xornalista de éxito; temos tamén zapping ultradimensional polas ondas da bizarría; e, coma sempre, información contraproducente e música nigga-diverxente. Bon appetit!